Friday 19 de April de 2024

A Xunta inviste máis de 361.000€ na substitución da cuberta e das carpinterías do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños para adaptalo ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica


― Gonzalo Trenor explicou que as obras previstas suporán un salto de calidade no confort para o alumnado e máis eficiencia desde o punto de vista enerxético

― Este investimento únese aos 664.000 euros previstos para a renovación integral do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, informou nunha visita ao CPI As Revoltas, que a Xunta de Galicia vai acometer a substitución da cuberta e a renovación de parte das carpinterías deste centro educativo cun investimento de máis de 361.000 euros que suporá adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con máis de 191 millóns de euros. A actuación ten un prazo de execución de tres meses.

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, mantivo unha reunión co equipo directivo para informar da licitación que xa se levou a cabo. O proxecto propón a substitución da cuberta existente de tella e metálicas dos volumes do colexio, por unha cuberta de sandwich de paneis metálicos

A actuación contempla tamén a substitución das carpinterías que quedan por renovar no edificio orixinal, as fiestras serán de PVC ao igual que as xa renovadas e as portas de aluminio.

Segundo explicou o representante do Goberno autonómico, esta importante actuación ten por obxectivo primordial mellorar o confort dos alumnos e profesores que cada día interactúan no centro e vai na liña das pautas marcadas no Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia do Goberno galego que neste momento se atopa en fase de diálogo con diversos colectivos para o seu enriquecemento.

Este plan supón avanzar nun novo concepto de centros educativos ao servizo dos novos retos educativos do futuro que pasan por atender non unicamente as necesidades académicas, senón tamén as sanitarias e as tecnolóxicas.

Este investimento únese as obras xa licitadas de rehabilitación integral do CPI Alcalde Xosé Pichel en Coristanco, cun investimento de máis de 664.000 euros

Infraestruturas ao servizo dos retos educativos
Trenor lembrou que a Xunta ten “a obriga e a responsabilidade de coidar a máximo os centros educativos, xa que é o lugar onde os nosos fillos pasan a meirande parte do seu tempo, e non só para a adquisición de coñecementos, senón onde interactúan cos seus compañeiros, onde xogan e onde aprenden a socializar”.

Neste senso, sinalou a importancia de que todas as novas actuacións en infraestruturas escolares –ben sexan de nova construción ou ampliacións e reformas– fagan especial fincapé no deseño de espazos abertos e multifuncionais que dean resposta ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. Isto é, “un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid onde a arquitectura teña unha orientación educativa, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos”, incidiu o delegado da Xunta.

Así, a nova arquitectura educativa institucional vai reforzar os colexios na transformación dixital (con polos creativos e espazos maker, entre outros), na aposta pola inclusión (con espazos máis amplos e saudables, que garantan a accesibilidade e a inclusión de todos os seus usuarios), e no especial deseño de patios e pistas multideporte, máis sostibles desde o punto de vista medioambiental, e integrados na contorna onde se inxiren.